Friday 03 de May de 2024

A Colaboración da Xunta e Cruz Vermella permitiu atender a máis de 1.200 persoas co programa “Contigo no Camiño”


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou esta mañá nun percorrido desde O Pino para conmemorar esta experiencia piloto que se levou a cabo no Camiño Francés entre agosto e setembro e coa previsión de estender o programa a máis rutas xacobeas en 2022

― A iniciativa contou con patrullas de socorristas que percorreron case 5.000 quilómetros da ruta en bicicleta para prestar asistencia en bicicleta, xunto con postos fixos e un vehículo itinerante de apoio

― A Xunta prevé acadar xa en outubro as 140.000 Compostelas tralo traballo feito para garantir un Camiño seguro con melloras en tódolos trazados e nos albergues e co reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade que tamén permitiu que a comunidade superase en agosto os datos turísticos prepandemia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá xunto a presidente autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, e os catro presidentes provinciais da organización nun percorrido para conmemorar o peche mañá do programa Contigo no Camiño, no que a Xunta colaborou con Mapfre e Cruz Vermella para dar resposta a situacións de emerxencia no Camiño de Santiago. No marco desta iniciativa, ao longo de agosto e setembro atendeuse a 1.200 peregrinos, tanto con asistencia de primeiros auxilios como información sobre rutas, albergues e situación e horarios doutras instalacións.

Coa experiencia piloto deste programa no Camiño Francés, a Xunta reforzou a seguridade e, por tanto, a mensaxe de que facer o Camiño neste Xacobeo 21-22 é seguro. Unha vez avaliados os resultados desta primeira proba a previsión é estender a iniciativa en 2022 a máis extensión do Camiño Francés ou mesmo a outras rutas tendo en conta a reactivación do Camiño tamén a nivel internacional.

Nestes dous meses, patrullas móbiles e socorristas percorreron en bicicleta case 5.000 quilómetros do Camiño Francés -que concentra máis da metade dos peregrinos- para prestar polas mañás acompañamento, asistencia e asesoramento aos camiñantes, mentres que polas tardes recibían a mesma atención desde os puntos fixos de asistencia instalados en Portomarín, O Pino e no Monte do Gozo. En total, este servizo supuxo máis de 450 horas de actividade por parte do operativo integrado por 5 socorristas e 1 coordinadora. O dispositivo completouse cun vehículo de apoio itinerante.

A Xunta levou a cabo neste Xacobeo 21-22 melloras en tódolos trazados e nos albergues para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos, onde ademais se está a reforzar neste Ano Santo Dobre a seguridade a través da vixilancia das forzas e corpos de seguridade e de voluntarios de Protección Civil.
Ademais, co obxectivo de garantir a seguridade, o Goberno galego implantou tódalas medidas de prevención ante a covid-19 no sector turístico e tamén no Camiño para consolidar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade, xunto con iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus, que aporta un plus de tranquilidade ao cubrir os gastos derivados de infección por covid-19.

Estas medidas contribuíron á reactivación do Camiño con máis de 133.000 Compostelas entregadas no que vai de ano e coa previsión de rematar o ano por riba das 140.000, acadando esa cifra xa no mes de outubro. A aposta da Xunta por ofrecer a comunidade como un destino seguro e de calidade permitiu tamén obter un verán de bos datos de afluencia turística e que Galicia fose en agosto a única comunidade en superar as cifras turísticas prepandemia cun 70% máis de ocupación que en 2020 e 27 puntos por riba da media nacional respecto a 2019.